Medallas de galicia. 1993 - xunta de galicia
- Select a language for the TTS:
- Brazilian Portuguese Female
- Brazilian Portuguese Male
- Portuguese Female
- Portuguese Male
- Language selected: (auto detect) - PT
Play all audios:

Mario Alberto Nobre Lopes Soares Presidente da República de Portugal Fillo do ministro de Colonias da I República portuguesa e fundador do Colexio Moderno de Lisboa, João Lopes Soares, feito
que marcará desde moi novo a súa vocación política, realiza os seus estudos universitarios nas facultades de Letras e Dereito de Lisboa. Durante o seu exilio francés foi docente nas
universidades de Vincennes, Rennes e A Sorbona. Desde 1957 exerce como avogado e consegue unha grande proxección internacional como representante da familia do Xeneral Humberto Delgado,
candidato á Presidencia da República asasinado en España pola policía política do ditador Salazar. Como consecuencia da súa actividade é encarcerado 13 veces, deportado sen xuízo, en 1968, á
illa de São Tomé, e obrigado a exiliarse en 1970. Mário Soares é unha figura clave para comprender a historia recente de Portugal. En 1973, en Alemaña, funda o Partido Socialista Portugués.
Vicepresidente da Internacional Socialista, entre 1974 e 1986, é varias veces ministro nos primeiros gobernos tras a Revolución dos Caraveis. Tres veces primeiro ministro e dúas veces
presidente da República portuguesa, é o impulsor da adhesión á CEE. Mario Soares participou en numerosas comisións de organismos internacionais e actualmente segue en activo, a través da
Presidencia da Fundación que leva o seu nome. Autor de 13 libros sobre historia de Portugal e teoría xurídica e política, Mario Soares foi recoñecido, ademais de coa Medalla de Ouro de
Galicia, co Premio Europeo Robert Schumann, co Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional e cos doutoramentos honoris causa de 36 universidades de todo o mundo, entre outras
distincións.