Medallas de galicia. 1999 - xunta de galicia
- Select a language for the TTS:
- Brazilian Portuguese Female
- Brazilian Portuguese Male
- Portuguese Female
- Portuguese Male
- Language selected: (auto detect) - PT
Play all audios:

Escritor brasileño Nace no seo dunha familia burguesa, iniciando os seus estudos nun colexio xesuíta. Comeza a carreira de Dereito, que abandona para unirse ao movemento hippie, viaxando en
1970 por Centro América, Europa e África. Iníciase como letrista para grandes nomes da música brasileira como Elis Regina, Maria Bethania ou Raúl Seixas. Exerce como director artístico para
as compañías musicais CBS e Polygram, como escritor de guións para O Globo TV e como redactor e articulista para medios de todo o mundo, publicando diariamente unha columna, Maktub, nos tres
xornais de maior difusión de Brasil. 1986 é o ano crucial para a súa carreira literaria. Percorre o Camiño de Santiago, que o inspira para escribir e publicar O Peregrino a Compostela
(Diario dun mago), ao que segue en 1988 O Alquimista, un relato iniciático que o lanza á fama internacional. Cunha ducia de obras publicadas, entre poesía, novelas e recompilacións,
traducidas a 69 idiomas, das que se venderon máis de 21 millóns de exemplares en 150 países, Paulo Coelho concita por igual eloxios e críticas polo seu estilo realista, sinxelo, en que
mestura trazos autobiográficos, coa inspiración mística. Fixéronse numerosas adaptacións da súa obra para o cine, musicais, óperas, teatro, cómics… Coelho é asesor especial da UNESCO e
mantén unha institución sen ánimo de lucro, para financiar persoas maiores e coidar e educar nenos de favelas. Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, foi recoñecido con diversas
distincións, como a de Cabaleiro das Artes e as Letras Francesas, ou o Crystal Award, concedido polo Foro Económico Mundial.